Sunday 19 de May de 2024

Feijóo salienta a “confianza” da Vuelta en Galicia, que un ano máis “nos ofrece a posibilidade de chegar a unha audiencia potencial de 1.000 millóns de persoas”


Afirma que o reto é converter os espectadores en clientes de Galicia, e fidelizar os que xa o son grazas aos atractivos da Comunidade: paisaxe, patrimonio, gastronomía, ocio, termalismo…

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou a “confianza” da Vuelta en Galicia, que un ano máis “nos ofrece a posibilidade de chegar a unha audiencia potencial de 1.000 millóns de persoas”.

O titular da Xunta, que esta tarde recibiu aos alcaldes dos concellos galegos polos que transcorren as distintas etapas da Vuelta Ciclista a España 2016, afirmou que o reto é converter os espectadores en clientes de Galicia, e fidelizar os que xa o son grazas aos atractivos da Comunidade: paisaxe, patrimonio, gastronomía, ocio, termalismo…”Vamos a estar á disposición da mirada crítica do mundo, baixo a mirada de ata 1.000 millóns de espectadores que verán cada recuncho da nosa terra, e iso é unha gran campaña de promoción”, aseverou.

No eido económico, Feijóo subliñou que só a estancia dos equipos ocupará unhas 90.000 prazas hoteleiras, cifra á que habería que sumar as pernoitas dos moitos afeccionados que encherán as estradas por onde pasen. “En total estamos a falar de máis de dous millóns de retornos directos na edición de 2014”, lembrou.

Durante a súa intervención, o responsable da Administración autonómica referiuse tamén aos valores que unha actividade como o ciclismo transmite, e expresou o desexo de que este evento sirva para espertar en moitos rapaces a paixón por este e outros deportes, e en moitos adultos unhas rutinas saudables para si mesmos e para o medio ambiente.

Así mesmo, aseverou que o efecto máis positivo que poden ter estas sete etapas para a sociedade galega é o de xerar unha necesaria conciencia colectiva sobre a importancia da seguridade viaria e do respecto aos ciclistas nas estradas.

Nesta liña, e logo de ter unha lembranza para as vítimas do accidente do pasado sábado e para as súas familias, Feijóo destacou o labor de organizacións como Stop Accidentes Galicia. E concluíu a súa intervención agradecendo aos 73 municipios por onde pasa a volta o seu compromiso.

Os 73 concellos polos que pasa a Vuelta
Cenlle, Castrelo de Miño, Ribadavia, Ourense, A Arnoia, Melón, A Cañiza, Covelo, Mondariz, Ponteareas, O Porriño, Mos, Vigo, Nigrán, Baiona, Marín, Poio, Sanxenxo, Vilanova de Arousa, Cambados, Vilagarcía de Arousa, Catoira, Rianxo, Boiro, Noia, Mazaricos, Muros, Carnota, Dumbría, Betanzos, Paderne, Miño, As Pontes, Mañón, Ortigueira, Cerdido, San Sadurniño, Valdoviño, Cedeira, Cariño, Viveiro, Xove, Cervo, Burela, Foz, Barreiros, Ribadeo, Trabada, Riotorto, Meira, Pol, Lugo, Monforte de Lemos, A Pobra de Brollón, Quiroga, Ribas de Sil, Bóveda, Sober, Castro Caldelas, Parada de Sil, Nogueira de Ramuín, Maceda, Baños de Molgas, Xunqueira de Ambía, Allariz, Sandiás, Xinzo de Limia, Trasmiras, Cualedro, Monterrei, Verín, Riós, A Gudiña.